Percorrido
Entrada
Un espacio amplo onde poderás respirar un pouco de mar. O noso persoal de Recepción atenderá todas as tuas dudas e suxerencias previas á tua visita ás nosas instalacións. Solicita sempre o teu plano guía para empezar a tua visita.
Tenda
Un espacio amplo e aberto onde poderás mercar calquer recordo da tua visita ou algún que outro agasallo mariñei0ro para levar de volta á casa. Nela atópase o acceso aos aseos, así coma un acceso para discapacitados e carritos de nenos.
Acceso á exposición ''golfiños do azul''
A través dunha escada accedes ao noso espacio de exposicións temporais. Na actualidade poderás atopar unha ampla exposición sobre a presencia de cetáceos nas costas galegas, así coma algúns aspectos da sua conservación.
Percorrido
Granxas de cultivo
Cada granxa de cultivo axuda a evitar a sobreexplotación pesqueira dos nosos mares
¿No che encanta comer peixe de vez en cando?
É evidente que o consumo de productos do mar aumentou moito nos últimos anos. Todos nos incluimos na nosa dieta, as cantidades necesarias de peixe para manter unha alimentación equilibrada.
Este aumento da demanda, produciu que cada vez pescásemos máis, mantendo os esforzos pesqueiros moi cerca da sobreexplotación, agotando moitos dos caladoiros de pesca existentes.
Ao Igual que fai millóns de anos, fumos capaces de pasar de “cazadores” a “recolectores”, desenrrolando unha industria florecente, a ACUICULTURA, que aposta por criar as especies en cautividade, mantendo o consumo, e axudando a que os nosos mares non se convirtan en grandes desertos.
Esturións
Ao lado dos nosos tanques de granxa de cultivo, atopas un tanque de agua doce con varios exemplares de Esturión (Acipenser naccarii). Un tanque de pequena altura, para poder observar estos dinosaurios acuáticos sen ningún problema.
Lontra común
Dende o ano 2001, o Acquarium comenzou un proxecto de recuperación visual de lontra común. Unha parexa de nutrias, nacidas en cautividade, foi incorporada ao acuario para achegar a todos os nosos visitantes a realidade dun dos iconos da fauna fluvial en Galicia. Hoxe, en serio perigro de conservación.
Percorrido
Infralitoral rochoso
CADA ROCHA AGOCHA UN MUNDO DE VIDA BAIXO O MAR
A nosa terra débelle o seu encanto ós materiais antigos que a recobren. A auga mariña e a composición do solo debuxan xuntos unha costa chea de formas e ambientes.
Se vas dar un paseo pola nosa costa has atopar formas moi semellantes ás que gobernan os fondos mariños. As rochas, co seu labirinto de buratos e escuridades, son colonizadas por unha manchea de seres vivos, ofrecen un lugar seguro para que as algas se fixen e danlles abeiro a moitas especies de peixes que adaptan a súa forma e color para moverse por elas con facilidade e sen chamar a atención.
As súas arestas afiadas son trampas para as artes de pesca e tamén lugares onde encallan restos de barcos afundidos ou bateas. Estes arrecifes artificiais son soportes ideais para a fixación de vida.
Arrecifes artificiais coma este presentan unha maraña de buratos que poden ser utilizados polos animais como zonas de cría ou refuxio. Este tipo de estruturas melloran o potencial biolóxico dos lugares de interese pesqueiro e marisqueiro, como é o caso das rías galegas.
Caladoiros
O afloramento garda o segredo das rías galegas
Os últimos séculos fálannos dunha Galicia con experiencia en obter recursos do mar.
Os primeiros indicios de actividade recolectora datan da cultura castrexa, cando os pobos celtas subtraian mariscos durante a marea baixa. En moitos castros costeiros atopamos restos de bivalvos, crustáceos e gasterópodos que confirman o que acontece tamén na actualidade: a actividade pesqueira e marisqueira é o medio de vida para unha gran porcentaxe dos galegos.
A riqueza das nosas rías nace do afloramento costeiro, un fenómeno físico que ocorre cada ano na costa atlántica. Durante a primavera e o verán os ventos que chegan dende o norte activan o proceso, desprazando as masas de auga superficiais e permitindo que as augas profundas, ricas en nutrientes, cheguen á superficie.
Se unimos estes nutrientes cunha alta concentración de algas microscópicas (fitoplancto) e lles engadimos unha miguiña de luz solar, temos un proceso coñecido como fotosíntese que marca o inicio dunha imparable cadea alimenticia que é o sustento dos caladoiros: as grandes extensións mariñas onde os nosos barcos pescan ó longo do ano.
Infralitoral areoso
As praderías de zostera manteñen o equilibrio no interior das rías
Os recantos da costa e a desembocadura dos ríos forman amplas chairas onde se acumulan os materiais transportados polo mar e mailas correntes. Son o lugar idóneo para a proliferación da zostera, unha planta herbácea con longos talos subterráneos que forma extensas praderías sobre fondos pouco fondos e ben iluminados. As súas follas longas e flexibles reducen a velocidade da corrente e a turbulencia da auga, favorecendo a deposición de materia orgánica no solo.
A penumbra creada por esta planta é un refuxio ideal para unha complexa comunidade de animais que conviven, se alimentan e se reproducen baixo a protección destas ondulantes praderías onde non se internan os depredadores.
As zonas de zostera aparecen en case tódalas rías galegas, sendo unha garantía de calidade ecolóxica para a nosa costa. A elevada produción primaria destes fondos contribúe a osixenar a auga, dando lugar ó crecemento do fitoplancto, primeiro elo da cadea alimenticia mariña.
Espazo mariño protexido
Ons, Cíes, Sálvora e Cortegada... Un parque nacional no medio do mar
Algúns vellos do lugar contan unha lenda sobre a formación das rías galegas: durante un pequeno descanso da creación, Deus apoiou a man sobre a costa, deixando un rastro caprichoso que hoxe abeira o Océano Atlántico e centos de especies animais e vexetais.
Á fronte das rías baixas encontramos as Illas Atlánticas: Cíes, Ons e Sálvora. Atalaias naturais que durante anos actuaron como parapeto ante calquera invasión que chegase dende o mar, medindo as súas forzas con tormentas de chuvia e vento, piratas lendarios e barcos con cargas inesperadas.
Un conxunto de arquipélagos que, xunto coa illa de Cortegada, danlle nome ó único Parque Nacional que alberga a comunidade galega: o Parque Nacional das Illas Atlánticas, un espazo protexido declarado en xullo de 2002, con máis de 1.000 ha. terrestres e 7.000 ha. mariñas.
Un lugar para conservar.
Un lugar para gozar.
Un lugar privilexiado para reencontrarnos coa natureza.
Comunidade de marisma
Onde río e mar se xuntan...
Entrar no Grove supón atravesar o anaco de terra que nos une ó continente. Un istmo que deixa a un lado a Praia da Lanzada e ó outro a Enseada do Bao, unha marisma de vital importancia para a conservación da biodiversidade animal e vexetal da nosa costa.
As marismas son largacías extensións de terras baixas que sofren frecuentes inundacións de auga de mar. Son un lugar de encontro: para as augas fluviais cargadas de materia en suspensión, para as mareas que soben e baixan coa súa auga salgada, para numerosas especies de aves que atopan alimento e protección nas súas migracións e para especies de moluscos de gran valor comercial.
A marisma debuxa a fronteira entre dous mundos que ofrecen o mellor de si mesmos, abeirando unha enorme cantidade de seres que lle dan vida á comunidade de marisma.
Costa de acantilado
O mar esculpe a costa a golpe de ondas
Augas turbulentas e ondas que escachan violentamente contra os cons moldean esta zona do litoral. Un espectacular dispendio de enerxía que se transforma en traballo erosivo. O mar arrinca e desgasta anaquiños dos penedos para depositalos logo, xa moi modificados, nas partes baixas do cantil.
Os golpes de mar fanlle difícil a vida a calquera ser vivo nestes acantilados, onde o principal problema é desenvolver mecanismos de fixación para evitar ser arrastrados, ou fortes coirazas coas que protexer os seus corpos.
Unha vez superados estes inconvenientes, estas augas turbulentas cheas de osíxeno son un gran reclamo para unha manchea de especies. A forza do impacto da auga sobre os penedos provoca a morte de moitos organismos que axiña se converten en materia orgánica en suspensión, alimentando así a outras especies.
Só os organismos capaces de converter os atrancos en oportunidades se aventuran a vivir na costa que gobernan os acantilados da nosa terra galega.
Sala de audiovisuais
Sala equipada para o desenrrolo de cursos e obradoiros formativos durante todo o ano. Durante a primaveira e o verán, convirtese noutra sala expositiva, nela proxectamos gran variedade de documentais sobre a conservación dos mares de Galicia.
Océano Atlántico
O océano Atlántico conta a nosa historia
Antigamente chamado “mar Tenebroso”, o seu nome actual débello a Atlante, fillo da deusa grega dos océanos Clímene. Atlante, castigado por se revirar contra Zeus, foi enviado ós confíns da Terra e condenado a levar eternamente a bóveda do ceo enriba dos seus ombreiros, namentres afincaba os pés na terra.
Este océano simboliza na mitoloxía grega o inicio das augas descoñecidas e inexploradas. Un mundo escuro e tenebroso situado á marxe da civilización, que viu como os fenicios e cartaxineses se atreveron a convertelo nunha vía de expansión para o seu pobo.
A finais do século XV abriuse unha época de conquistas na que españois e portugueses viron alén do horizonte e quixeron coñecer as verdadeiras dimensións do inmenso mar azul.
Os seus fondos gardan con agarimo restos de grandes batallas, loitas entre piratas e vellas historias de amor e xenreira.
E agora é para ti unha porta aberta para descubrires os segredos da Ría de Arousa.
Mares tropicais
OUTRAS LATITUDES, OUTROS MODOS DE VIDA
A grandeza do océano Atlántico ofrécenos variadas formas de vida. Unha das máis chamativas son os arrecifes de coral que reinan a latitudes máis baixas cas nosas, nos chamados Mares Tropicais.
Tódolos corais están compostos por pólipos, pequenos animais semellantes ás medusas que viven en íntima relación cunhas algas chamadas zooxantelas. As algas realizan a fotosíntese durante o día, producindo osíxeno e nutrintes. Durante a noite o pólipo aliméntase cos seus tentáculos. A habilidade destos para medrar en augas pobres en alimento, permite xerar grandes comunidades de vida mariña en lugares, que doutro xeito, serían desertos.
Co paso do tempo os corais desenrolaron defensas frente ós seus depredadores naturais (peixes, cangrexos ou vermes). Nembargantes estas adaptacións son de moi pouca axuda cando a súa maior ameaza empezamos a ser nós. A contaminación, a deforestación ou o turismo incontrolado son algunhas das actuacións que máis dano fan a estas estructuras vivas.
Os Mares Tropicais cos seus arrecifes de cor e vida, son ecosistemas de gran importancia para a sostenibilidade das comunidades humanas que viven deles..
Illa de Sálvora
Beleza e historia debuxan a entrada á Ría de Arousa
Sálvora é unha pequena illa rodeada de illotes máis pequenos que marca a entrada dende o océano na Ría de Arousa. As súas caprichosas formas e mailas súas praderías tapizadas de menta e macela semellan estar feitas por unha man divina.
Nela a fantasía mestúrase coa realidade para contarnos a súa historia.
Antigamente era un lugar sagrado para os celtas, que mesmo contan que cada illote dos que rodean a illa é un celta convertido en pedra por un meigallo. Os musulmáns refuxiáronse nela mentres agardaban reforzos para invadir Galicia. Durante séculos pasou de man en man, ata que en 1770 acolle a primeira fábrica de salga de Galicia, o que marca unha revolución na economía pesqueira daquela época.
As súas costas viviron varios naufraxios, e durante os primeiros anos do século XX acolleu familias que chegaban da península escapando da miseria, e buscando terras nas que poder traballar.
Na actualidade a illa e os seus fondos mariños forman parte do Parque Nacional Illas Atlánticas, abrindo paso a unha nova maneira de relacionarnos co mar, confiando no equilibrio entre a conservación das nosas rías e o aproveitamento das mesmas por parte dos seus habitantes.
Illa de Arousa
Unha illa e un pobo empapados de auga salgada. Se buscas sobre un mapa a Ría de Arousa chamarán a túa atención dous lugares de contornos estraños: unha, a península do Grove, lugar onde te atopas, e outra a illa de Arousa, privilexiado exemplo da beleza que caracteriza as costas das Rías Baixas. Á illa chégase por medio dunha ponte construída no ano 1985 que permite manter un contacto máis estreito co continente, aínda que ela e as súas xentes seguen pertencendo máis ó mar ca a terra. Cada habitante da illa sabe que o mar é e foi a súa fonte de riqueza dende tempos inmemoriais. A súa poboación vive da pesca e da súa industria derivada, fundamentalmente do cultivo de mexillón en batea. Se algunha vez estás alí e decides madrugar, podes asistir á chegada dos barcos co pescado pola noite, todo un espectáculo que che mostrará como o mar é o pai da cultura na illa.
Cabo Corrubedo
Un lugar onde o mar e o vento marcan a pauta
Logo de pasar a illa de Sálvora, a mirada vaise cara ó norte, onde poderás encontrar a península do Barbanza, un cacho de terra que se mestura co Atlántico moi preto de Corrubedo, cabo que lle dá nome ó primeiro parque natural declarado en Galicia.
Corrubedo posúe o conxunto de ecosistemas máis relevante do litoral galego. As súas augas, con alimento en abundancia, ofrécenlles calidade de vida a moitas especies de animais e vexetais mariños.
Unha das características máis significativas da zona é a presenza da duna eólica máis grande do noroeste peninsular, con máis dun quilómetro de lonxitude. Este cordón permite que se formen lagoas illadas e unha marisma que crece e se desvanece ó ritmo das mareas. Igual que ocorre no Bao, este lugar é refuxio de paso para moitas aves invernantes e lugar de nidificación para especies como o lavanco real e a píllara papuda.
Corrubedo é sen dúbida un recanto digno de coñecer que ningún visitante debería deixar pasar na súa visita ás terras que rodean a Ría de Arousa.
Cultivos mariños
As bateas cambiaron o carácter da Ría de Arousa
De observares a Ría de Arousa a vista de paxaro, a túa primeira pregunta quizais sería sobre esas estruturas que repousan sobre a auga, tapizando gran parte do mar.
Chámanse bateas e son viveiros flotantes nos que cultivamos moluscos bivalvos, principalmente mexillón, ostra e vieira. A súa historia remóntase á ancestral cultura xaponesa e a primeira que se colocou en Galicia foi no ano 1945 na Ría de Arousa.
A súa estrutura esta formada por unha armazón horizontal de madeira de eucalipto que descansa sobre un elemento flotante, e que está amarrada ó fondo por un bloque de formigón ó que se une por medio dunha forte cadea. De cada traveseiro penden cordas ás que se fixa o molusco. É dicir, os animais non nacen aí, senón que se capturan no medio natural e se colocan na corda para engordalos ata que alcanzan o seu tamaño comercial.
O afloramento costeiro enche de nutrientes a ría, facendo que os moluscos medren na metade de tempo, e convertendo cada batea nunha pequena empresa que sustenta gran parte da economía familiar en localidades coma O Grove. Esta realidade converte a Galicia nunha das maiores produtoras de moluscos bivalvos do mundo, e á Ría de Arousa no pulmón das rías galegas.
Percorrido
Espazo táctil
Un espacio para descubrir como a marea domina a vida dos organismos que habitan no intermareal. Conta cun Espacio Táctil, onde poderás ver e tocar, sempre con coidado e respeto, algunhas especies moi coñecidas. Tamén conta cun pequeno tanque onde observar de preto as cores e formas de anémonas, actinias, cangrexos ermitáns e moitos outros.
Polbo
A nosa mascota non podía ter máis que un tanque propio. Aquí podes observar a POL, un polbo que despois de percorrer toda a costa galega decidiu quedarse con nos para simbolizar a riqueza dos nosos fondos mariños. Obsérvao ben, é o maestro da camuflaxe.
Zona axardinada e aberta. Ideal para descubrir unha costa galega que se abre ante os teus ollos. Conta con un mirador amplo, onde en verán se realiza a exhibición de voo de aves rapaces. Dende aquí poderás ver un dos atardeceres máis bonitos da nosa costa. ¿Atreveste?.
Punta Moreiras s/n - Reboredo - O Grove (Pontevedra) - T. 986 73 15 15